Código da proposta: UDC-2017-10-8
A Coruña Fillos de Breogán dispón de 2 horas semanais a medio campo para adestrar e xoga no horario que ninguén quere na Torre, algo que dinamita o proxecto deportivo das actuais subcampioas europeas.
O fútbol gaélico, o deporte nacional irlandés, chegou a Galicia no 2010 da man dos fundadores do Club Deportivo A Coruña Fillos de Breogán. Case sen irlandeses na nosa terra e co rival máis próximo en Madrid, botou a andar un proxecto cheo de ilusión que xa no 2011 participaba no Campionato Ibérico co equipo masculino na que era a única competición existente en España daquela. Dende entón, este club xamais faltou a un torneo oficial, xa fose en Pamplona, Sevilla, Barcelona, Valencia, ...
A prensa galega fíxose eco das fazañas deste club de fútbol gaélico atípico, formado case en exclusiva por xogadores locais. Non só participaba en torneos ibéricos, senón que os organizaba. Dende 2012, os coruñeses organizan o Torneo Ibérico da Coruña, pasando polos campos de Acea de Ama os equipos existentes en toda a Península. E o seu exemplo e a súa paixón fóronse contaxiando por Galicia. No Grove e na Estrada xurdiron dous novos equipos e creouse a sección feminina e o segundo equipo masculino do club herculino.
Os tres clubes estableceron a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, recoñecida oficialmente pola Gaelic Athletic Association, organismo que seguiría crecendo. Na actualidade, 13 equipos masculinos e 9 equipos femininos compoñen as competicións oficiais galegas (Liga Galega e Copa Galega). Deles, o club con máis conxuntos é A Coruña Fillos de Breogán: dous equipos masculinos e dous femininos.
A actividade do club non se limita á nosa xeografía. O equipo masculino viaxou dous anos a xogar partidos amigables a Irlanda, berce deste deporte. Ademais, tamén participou na Interceltic Cup no marco do Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña, Francia). Fillos de Breogán tamén é o club que con máis xogadores e xogadoras nutriu á Selección Gallega, creada en 2012 e subcampioa do mundo en categoría masculina, e terceira en categoría feminina nos Mundiais de Abu Dhabi 2015 y terceira en homes e quinta en mulleres nos Mundiais de Dublín 2016.
O noso obxectivo é seguir a medrar. Dende fai cinco anos realizamos un curso universitario coa colaboración da Área de Deportes da Universidade da Coruña. Ese curso evolucionou debido ao seu grande éxito e pasou de durar 5 semanas a cubrir a totalidade do curso académico, creando a Escola Universitaria de Fútbol Gaélico. A Escola xa produciu un equipo (masculino) que competiu oficialmente o ano pasado.
E o seguinte proxecto é levar a formación do fúbol gaélico fóra da Universidade. A nosa idea é crear canteira e desenvolver este deporte nos colexios. Para iso, xa comezamos a realizar as xestións co Concello da Coruña para que o fútbol gaélico estea presente na vindeira edición dos Xogos Escolares.
Todo isto está construído co esforzo e o traballo de membros do club, voluntarios que dedican o seu tempo para facer que o resultado deportivo e social da entidade sexa cada día mellor.
A nosa presenza nos medios de comunicación é habitual, estando os patrocinadores actuais máis que satisfeitos con apoiarnos no noso proxecto. Un exemplo foi a retransmisión en directo por parte da Televisión de Galicia das finais do Campeonato Ibérico realizado na Cidade Deportiva da Torre de Hércules. Daquela, o noso equipo femenino proclamouse campión ibérico por segundo ano consecutivo. E o 21 de octubre de 2017, os Fillos e as Fillas de Breogán xogaron as finais europeas en Maastricht, Países Baixos. A rapazas, que eran as vixentes campioas europeas, conseguiron un subcampionato europeo ao caer na final ante Belgium GAA.
Este presente e este futuro tan brillantes teñen un importantísimo atranco: a falta de campos. Malia formar parte da RFGF e de ser un club coruñés, temos concedidas 2 horas de adestramento á semana en medio campo... para os catro equipos do club! Ademais, os horarios que se nos conceden para xogar os partidos de Liga Galega son os peores: a franxa de sábado ou domingo de 14 a 16 horas. Trátase de competición galega, non local, e, dende logo, eses horarios non axudan en nada a consolidar todo o acadado nos terreos de xogo. Sería algo magnífico, xa non poder adestrar no Estadio Universitario de Elviña, senón poder xogar os nosos partidos a fin de semana nese estadio.
Por favor, apoiade a proposta para que Fill@s de Breogán poidan xogar gratuitamente en Elviña ao fútbol gaélico. Moitísimas grazas!
Comentarios (1)
Segundo o informe emitido polo servizo de deportes da UDC, como se indica na exposición da proposta, desde fai varios anos a UDC ten unha colaboración co club Fillos de Breogán, ofertando gratuitamente unha escola deportiva de Fútbol Gaélico no Estadio de Elviña.
Por outra banda, polo convenio de colaboración entre a UDC e o Concello da Coruña, gran parte dos horarios de uso do campo de herba do Estadio de Elviña están cedidos a clubs da cidade e é o Concello por convocatoria pública o encargado do reparto destes horarios de uso, tanto para adestramentos como para partidos de fin de semana.
Actualmente entre a programación propia das escolas, as competicións universitarias e os horarios xestionados polo Concello, o campo está sobrepasado en carga de utilización para un campo de céspede natural, o cal ten unhas limitacións de uso importantes para o seu mantemento e conservación.